Carissinha

Non é interesante, non é entretido. Soamente un xeito de evitar a loucura un día máis...

quinta-feira, 9 de julho de 2009

Alive.

Logo dun longo abandono deste espazo virtual, volto sen máis intencións que a de deixar constancia de que o meu proceso vital non deu co seu fin polo momento.

Este dilatado intervalo de tempo no cal non actualicei, non se debeu á miña atarefada vida, senón á falta de afán comunicativo que veu a pasar uns días comigo. Ben, iso e o pouco que teño que transmitirlle ao mundo.

En breves, tentarei adicar parte das miñas ansias vitais a crear novas entradas (promesa que non é a primeira vez que incumplo) ou pensarme a opción de cambiar de emplazamento e comezar de novo... outra vez.

Sen máis, aproveiten a vida, que é a única da que dispoñen.

sábado, 28 de março de 2009

Grazas

Pasamos o tempo dándonos as "grazas" por unhas cousas ou por outras, pero teríamos que ter termos distintos para segundo que estemos agradecendo.

Non é o mesmo dicir "grazas" cando che pasan o pan que dicilo cando queres agradecer todo o que unha persoa fixo por ti.

Temos 700 sinónimos para designar o órgano sexual feminino e outros tantos para o masculino, e non podemos diferenciar os grados de agradecemento que sentimos máis que ca efusividade coa que acompañemos a palabra "grazas"...

segunda-feira, 2 de março de 2009

Ao igual que a María de Ricky Martin...


Aquí non se dá un paso para diante sen dar outro ben grande cara atrás.


Sonche xente interesante estes da dereita...


A política non é o fútbol, dá igual que sexas do Madrid porque papá é do Madrid, pero non se pode ser dun partido ou outro porque papá o sexa!


E, por favor, que ninguén me contradiga no anterior, quero pensar que a xente nova que vota a un partido tan retrógado é porque non se parou a pensalo e non porque así o decidiu.


Hai que foderse...

quarta-feira, 22 de outubro de 2008

Parafernalias de fin de carreira...disque...


Acto de graduación?
Oh yeah! Xa o dicía a canción: Benvido a Galiza, Welcome to Spain, Comunidade Autónoma made in USA Estaría ben comezar o acto cantando o himno patrio...Ai, non!! Que o himno de España segue sen letra! De tódolos xeitos poderíamos erguer os nosos corazóns "cara al sol" e coa man no peito emocionarnos fondamente.

Orla?

Si, por que non? Así teremos as fotos de 5 persoas que aprezamos, 20 (sendo xenerosos) que nos caen ben, outros 20 que nos dan igual e, por último, unha rea de xente da que che gustaría ter a súa foto, si, pero so se saen ardendo nunha fogueira... Todo será "tunear" ao teu gusto a devandita orla. Sempre podes coller unha revista, recortar fotos e pegalas por riba das da xente que queres que "desapareza". Ademais, a ilusión da miña vida sempre foi sair na mesma orla que Britney Spears...

Queda dito!

quarta-feira, 10 de setembro de 2008

O galego na telefonía móbil


Os principais operadores de telefonía móbil ofreceranlle aos seus clientes a posibilidade de cambiar os seus aparatos sen idioma galego por outros novos que si o teñan. Para iso servirá o convenio asinado o mércores en Santiago entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o clúster de empresas das tecnoloxías da información e da comunicación, Ineo.


O acordo enmárcase dentro do proxecto O teu móbil en galego, que se difundirá a través dunha campaña de promoción na rede, e na que participan as cinco principais empresas fabricantes -Alcatel, Motorola, Nokia, Samsung e Sony Ericson- e as cinco compañías operadoras -Orange, R, Telefónica Móviles, Vodafone e Yoigo-.


O galego como oportunidade de negocio
O presidente de Ineo, Jorge Cebreiros, destacou as posibilidades que ten o proxecto para abrir novas oportunidades de negocio para as empresas do sector das TIC, que poden gañar cartos traducindo aplicacións e converter o galego nunha "vantaxe competitiva".


A secretaria xeral, Marisol López, destacou o proxecto como un gran paso no ámbito da normalización lingüística, xa que o teléfono móbil está amplamente estendido na sociedade, e agradeceu que "hai empresas pioneiras que están a demostrar que as linguas abren camiños e non pechan portas".


Na páxina web, pódese atopar información detallada sobre as aplicacións en lingua galega que os fabricantes incorporan aos terminais e tamén descargar as úiltimas actualizacións dispoñibles para os diferentes modelos de teléfono.


Lido en: http://www.galiciae.com/nova/16420.html

terça-feira, 2 de setembro de 2008

Vida e obras

Se dunha derrota consegues a clave dunha futura victoria, se cando perdes decides aprender desa experiencia para novas ocasións, se aprendes a valorar as virtudes por riba dos defectos, todo debera ser xa un camiño cara a felicidade.

Mais a veces non chega so con iso e as desgrazas veñen de tres en tres, pero é aí cando podes facer un pouco túa a felicidade dos que te rodean e, se o fixeche ben, sempre podes cobixar a esperanza de recibir o que deche, de que o tempo poña a cada un no seu lugar.


"Seja o eco de uma afronta o sinal de ressurgir"



segunda-feira, 14 de julho de 2008

Lady Godiva


Di a lenda que a bela Lady Godiva tivo pena do pobo de Coventry, que sufría cos altos impostos do marido(Leofric, conde de Chester e Mercia e señor de Coventry). Lady Godiva apelou a el tanto que este concedeu a baixada dos impostos cunha condición: que ela cabalgase núa polas rúas de Coventry. Ela aceptou a proposta e mandou a todos os moradores que ficaran nas súas casas ata que ela pasara. Soamente unha persoa ousou ollala, e ficou cego por consecuencia. Ao final da historia, Leofric retira os impostos máis altos mantendo así a súa palabra.

A maioría dos historiadores non cren que isto chegara a pasar, mais sexa lenda ou non, é un exemplo de sacrificio polo pobo e polas propias convicións.

quarta-feira, 2 de julho de 2008

En agradecemento aos amigos

Cando nada é o que parece
nin nada parece o que é,
cando todo parece que se ben abaixo
e realmente xa todo caeu...

Cando máis o precisas
pero menos o reclamas,
cando necesitas sorrir
e iso parece a maior das fazañas...

Cando queres estar soa
pero necesitas saberte acompañada,
cando a lóxica non atende a razóns
e a razón parece ter perdido a lóxica...

Neses momentos e noutros moitos,
cando os corpos vagan sen alma
e o mundo perdeu a súa cor,
é aí onde aparece...

Aí se achega con sixilo,
agochado entre silenzos
ou acariñando con doces verbas,
aí está o verdadeiro amigo.

quarta-feira, 18 de junho de 2008

Parecidos razonables



Cando vin esa foto de Rajoy, o primeiro que se me veu á cabeza foi un becerriño como o da imaxe. Non me diredes que non teñen certo parecido no xesto!

quarta-feira, 7 de maio de 2008

En punto morto

Chegada a estes extremos, o mellor sería non caer nos mesmo erros, pero o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra...

De tódolos xeitos, aínda tropezando dúas veces, tres, catro...na mesma pedra, o importante é saber seguir adiante e aprender da experiencia para non volver a caer no mesmo.

A teoría é fácil, pero pasalo á práctica faise difícil e esgotador, ata tal punto que comezo a pensar que non tropecei cunha pedra, senón que me esfachei nun muro...

quinta-feira, 24 de abril de 2008

En morte cerebral


Hoxe teño a intelixencia subida.
Tan alta, tan alta, que non lle chego...

segunda-feira, 21 de abril de 2008

Non hai luns bo...

Petei de fuciños coa realidade e o que menos me doe é o nariz...

quarta-feira, 16 de abril de 2008

Resumo do día con certo lirismo...

Hoxe aquí tiña que haber un fermoso texto,
un texto que falase de moitas cousas e de ningunha.
De biscoitos a destempo
e de sentimentos regalados
(porque ao fin e ao cabo, teño máis).
Tamén podía falar de choiva sen fin
e de paraugas que protexen o meu metro cadrado,
metro cadrado que precisa unha limpeza xeral
coma as que fan nas películas americanas
cunha nai cun pano atado á cabeza e abrazada a un aspirador.
Estaría ben, por outra parte,
mencionar ás que van de raíñas (ras pequenas)
mentres a república se agocha entre os toxos.
Outros temas serían a busca infructuosa
ou os lirismos improcedentes,
mais ese fermoso texto que ía aparecer aquí,
marchou polo desaugue
saudando como a raíña(esta realmente é un sapo) de Inglaterra.
Iso si, deixou recordos para todos...

quarta-feira, 26 de março de 2008

E hai que andar!

O peor de cando estás incómoda cunha persoa é que recordas a esa(s) persoa(s) cas que estiveche cómoda, cas que te sentiche ben.
E por moito que sexan bos recordos, so son iso, recordos...
Pero se son bos recordos, tamén é porque foron bos momentos vividos, non volverán, pero há! que me quiten o bailado!
Creo que a cousa vai así, non?

segunda-feira, 17 de dezembro de 2007

Returns...

Todo ten unha explicación e isto tamén, mais atopar a forma axeitada de dicilo vaime custar. De tódolos xeitos, vou facer a proba:

O anterior blog (carissinha.blogspot.com), foi brutalmente asasinado co agravante de nocturnidade e totalmente "ao falso" logo de revisalo e comprobar que a maioría das entradas perderan o sentido.

Iso probablemente sucedeu porque moitas das ideas que nel quixen mostrar logo foron evolucionando e modificándose pouco a pouco ata chegar a ser case o oposto do que nas actualizacións escribín ou copiei e peguei (para que mentir!).

Se ben, logo diso, me adiquei a plasmar no fotolog os pensamentos, artigos curiosos ou interesantes e outras "idas de olla" polo estilo que foron xurdindo, ese non resultou ser un bo método. Non é difícil darse conta de que a maioría da xente que ten un fotolog, soamente tira del para amosarlle ao mundo cantísimo quere aos seus amigos e que presa deles ten! O único que ansían é encher o espazo de comentarios (plagados de tkm, mis nini@s, pesios@s e demais vocabulario valeiro de significado) e cando "se pasan" por outros fotologs deixan comentarios similares carentes de valor sen ler o texto que moitas veces chega a ser un reflexo do que pasa pola miña mente e moi poucos valoran.

Os lectores deste novo blog serán excasos, pero iso non me preocupa, so quero afastar o que para min é importante da vanalidade fotologueira. So busco que o que por aquí pase non sexa porque se sinta obrigado a comentarme, senón porque quere ler o que eu escribo (de aí que non espere grande aceptación).

E por último, explicar que o de Carissinha returns... débese ao feito de que a dirección anterior estaba xa collida, co cal, tirando do meu inglés da street, acopleille a coletiña.

Sen máis...